El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

CARBALLO

O polígono de Bértoa suma tres novas naves industriais no que vai de ano

C.C.  | 14.02.2018 
A- A+

A actividade no polígono industrial de Bértoa, que experimentou un importante impulso no 2017, continúa a un nivel moi alto nestes primeiros compases do 2018. En menos de mes e medio, a xunta de goberno local leva aprobadas tres licenzas para a construción doutras tantas naves. O 2 de xaneiro autorizou a edificación dunha nave destinada a taller de automóbiles; o día 29 deu o visto bo a outra para almacén de materiais e ferramentas para a construción, e o pasado luns recibiu luz verde a terceira, que acollerá o almacén e as oficinas dunha empresa de construción. Desde a posta en servizo da segunda fase do polígono, no ano 2011, o Concello de Carballo leva aprobadas no parque empresarial licenzas para a construción de 57 naves industriais, 16 delas no 2017. Desde este punto de vista, o ano que vén de rematar foi o de maior actividade dos últimos dez, o que vén reforzar a necesidade de ampliar a bolsa de solo industrial na capital bergantiñá, como defende o goberno municipal e apoia a totalidade da Corporación. De continuar a este ritmo, o solo no polígono industrial de Bértoa esgotarase en menos de dous anos.