El Correo Gallego

Noticia 4 de 246 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Miguel Ángel, Premio Ourensanía, como exemplo do mellor Ourense

Feijóo afirmou que Miguel Ángel “está no Olimpo deportivo” e Baltar destacou que o ex porteiro da selección española e do Madrid “non esquece as súas orixes”

GALARDÓN Na dereita da imaxe Miguel Ángel entre Baltar e Feijóo na entrega do premio Ourensemanía.  - FOTO: G.
GALARDÓN Na dereita da imaxe Miguel Ángel entre Baltar e Feijóo na entrega do premio Ourensemanía. - FOTO: G.

ROSA CANO  | 12.11.2017 
A- A+

O exfutbolista ourensán Miguel Ángel González Suárez recibiu onte, día de san Martiño, o VII Premio Ourensanía, un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

No acto oficial de entrega do galardón, celebrado esta mañá no Teatro Principal de Ourense, que contou, ademais do galardoado, coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. O titular do Goberno provincial destacou que Miguel Ángel “é un exemplo do mellor Ourense, exerce de ourensán, non esquece as súas orixes e as predica sempre con orgullo”, remarcando o seu carácter “de home agradecido coa súa terra e coa súa xente”.

Manuel Baltar subliñou “a nobreza, a grandeza e a sinxeleza de Miguel Ángel, aspectos que o acompañaron durante a súa carreira no Real Madrid, deixando patente a súa clase persoal e deportiva nos campos de fútbol do mundo”.

O presidente da Deputación lembrou o alcume de Miguel Ángel, polas súas especiais calidades como gardameta, “ese Gato que tamén é o símbolo da banda de rock nacional de máis éxito: Los Suaves, a quen entregamos hai poucas semanas a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense”, e dixo que Miguel Ángel foi tamén “precursor da galeguización, formando parte dunha campaña en favor da nosa lingua, na que colaboraron nos anos oitenta outros galegos como Fernando Rey, Camilo José Cela, José María Calviño, Adolfo Domínguez, Rosalía Dans e Álvaro Pino. Un compromiso de Miguel Ángel coa nosa terra e a nosa lingua; el quere a Ourense e Ourense o quere a el”.

Baltar anunciou que as Copas Deputación de fútbol pasarán a denominarse a partir da próxima temporada “Copa Deputación Miguel Ángel”, “para que a súa pegada sexa aínda máis forte nas vindeiras xeracións de ourensáns”, e asemade, engadiu que manterá conversas coa Peña Madridista Miguel Ángel “para que os recordos da súa carreira, eses tesouros futbolísticos, sexan musealizados”.

18 tempadas de branco

••• Pola súa banda, Miguel Ángel, quen recibiu de mans do presidente da Deputación o premio, consistente nunha figura de bronce do escultor Xosé Cid, expresou o seu agradecemento á Deputación de Ourense a ao seu presidente, afirmando que se sinte “emocionado e agradecido, porque ser de Ourense sempre é gañar, e aínda que subir a un escenario a falar, para min, é máis difícil que parar un penalti, neste instante doulle-las grazas ao deporte a todos por vivir este gran momento”. E tivo palabras de agradecemento para Luis Soria, o seu primeiro adestrador e que fixo posible que chegase ao Real Madrid (18 tempadas), e tamén para os seus excompañeiros Butragueño e o porteiro Agustín.