El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

CARTAS ASOMBRADAS

CAETANO DÍAZ

Chegou o tempo das mulleres... quizais

14.01.2018 
A- A+

A Oprah Winfrey, periodista, estrela da televisión, actriz, empresaria e filántropa // 

Mike Nelson
Oprah Winfrey
FOTO: Mike Nelson

Non me envolvo na bandeira do feminismo, pero esforzome a diario para controlar -con escaso éxito máis veces das que quixera- os ramallazos da educación machista que me inxectaron en vea dende os estertores dos anos cincuenta, cando España ía deixando atrás a longa noite de pedra.

Defendo o principio básico e irrenunciable da igualdade -de oportunidades e salarial, por suposto- e intento educar as miñas fillas nos valores da tolerancia e da liberdade, logo de fracasar como pai, ai!, cos meus fillos.

Escríbolle isto, señora Winfrey, conmocionado aínda polo seu discurso -oxalá que histórico- nos Globos de Ouro, unha gala que está a reconverter a efervescencia etérea do glamour nun poderoso escaparate de mensaxes que cheguen a todos os recunchos.

Non me interesa tanto, Oprah, o xa ruidoso -e gaseoso- debate sobre a súa hipotética candidatura á Casa Branca canto o seu exemplar alegato contra o racismo e o acoso sexual. A medida que vostede falaba, a emoción instalábase nun auditorio posto en pé e as bágoas caían polos rostros das rutilantes estrelas de Hollywood.

Eran unha emoción e unhas bágoas sinceras, sen impostura, sen trampa nin cartón, porque o que vostede estaba a retratar, señora Winfrey, era unha sociedade disposta por fin a asumir a dor da autocrítica. Veremos se disposta, tamén, a erguer os piares rexos, graníticos, dunha igualdade real entre homes e mulleres. Porque as cousas cambiaron dende que Recy Taylor foi violada por seis brancos armados, no 1944, que nunca pagaron polo seu crime; ou dende que Rosa Parks se negou, no 1955, a cederlle o seu asento no autobús a un branco.

Cambiou o mundo, si, pero non sempre para mellor. De feito, o vendaval dos ismos -yihadismo, populismo, trumpismo, putinismo...- está a alimentar as pragas tóxicas da xenofobia, do racismo e do acoso sexual; está a facer deste planeta un lameiro podre.

Foi o seu un discurso que nos axuda a manter viva a esperanza de que un mundo mellor é posible, de que os grandes valores que nos axudaron a progresar, malia todo, volverán alumar o camiño da humanidade.

Está ben que The New York Times, unha das biblias do periodismo de calidade, se pregunte xa se podería vostede optar á presidencia dos Estados Unidos no 2020, fronte ao distópico Donald Trump, e así converterse na bandeira do definitivo empoderamento feminino; pero, para min, o realmente importante é o simbolismo do seu berro tronante: "Chegou o tempo das mulleres!".

Oxalá que as súas palabras non as varra o vento da Historia, porque iso significará que as miñas fillas e as fillas das miñas fillas vivirán no mundo mellor que merecen, elas e todas as mulleres.

Amén e grazas, Oprah.