El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

a mandala

ELENA VÁZQUEZ CENDÓN

CoRazón e PaCiencia

14.02.2018 
A- A+

AS persoas que siguen A Mandala saben que me gusta rebuscar palabras dentro de palabras, empregando criterios máis ben matemáticos que filolóxicos. Xogo a achar subconxuntos de caracteres con significado, dentro de u­nha mesma palabra.

Vin a razón dentro do corazón nunha recente entrevista a José María Touro. Mirar o corazón como o órgano fisiolóxico, que a ciencia e a medicina entenden con gran precisión, dalle unha valía vital. Na razón de vivir está presente o corazón, e pode ata chegar a ser trasplantado ou sintético. Está situado asimétricamente, á esquerda, na gran maioría dos ser humanos. Pero si resulta curioso que o corazón conteña á razón no galego e no castelán, é por semánticas menos científicas que identifican ao corazón cos sentimentos, e normalmente estes aparecen confrontados coa razón. Dependerá de como queiramos racionalizar. Dependerá de si asignamos o valor de querer optimizar recursos e recoñecementos externos. Tamén pode resultar moi razoable querer a quen se admira e de quen se pode aprender, sobre todo en valores. Pode que sexa unha razón interior que consiga un recoñecemento persoal e pode que non se coñeza exteriormente, pero que sexa a verdadeira razón do latexar do propio corazón.

É preciso moito co-razón para latexar como ciudadáns e profesionais. Pero confeso que esta semana, intensa en emocións, a razón do meu corazón tivo unha gran aliada: a pa-ciencia. Recoñezo que foi onte ao lembrar toda a semana brindando coa miña amiga Mar polas cousas importantes, cando me dei conta por primeira vez que no meu xogo, a paciencia contén a ciencia!

A miña nai dicíame de nena que era moi impaciente. Insistía en que eu tiña que ser máis paciente. Penso que se me puidese ver hoxe sería un dos aspectos nos que me vería cambiada. Unha vez máis recoñezo e sinto os seus consellos vitais. A paciencia, como o tempo que ela desexaba, non se poden mercar, hai que desenvolvela na casa, dentro de cada unha, e si, o día a día brindanos moitas posibilidades de aumentar a nosa resilencia, a paciencia máis eficiente. De novo o subconxunto con significado, a ciencia, está moi presente na paciencia!

Hai moita ciencia en escoitar e partillar o tempo ata o minuto para repartilo atendendo a demanda. Paciencia para vivir coa intensidade e a densidade que está presente na docencia, na investigación, na divulgación, nas lembranzas do programa A Ponte, ao paticipar no merecido recoñecemento coa insignea de ouro da USC ao mestre, amigo e compañeiro Luis Hervella, nas valoracións de dez estalmateiras e estalmateiros que che moven o corazón co primeiro café do día grazas ao texto integrador de Fernando Castro; xunto con mensaxes, tonos e silencios retadores. Si mamá, prometo seguir sachando o ouro da paciencia!

Finalmente desde A mandala número trinta, mil grazas ás amizades e colaboradores e colaboradoras polo CoRazón e a PaCiencia compartida que son a enerxía para vivir querendo, latexando e aprendendo como profesional e cidadán!

Profesora de Matemática Aplicada na USC