El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

LAS 1001 CARAS DE COMPOSTELA

"Falo, escribo, penso, sinto e soño en galego"

Xabier Quiroga acaba de presentar 'El Cabo del Mundo', a versión en castelán dunha das súas obras máis importantes

Xabier Quiroga - FOTO: Arxina
Xabier Quiroga - FOTO: Arxina

S. COUSO   | 11.07.2018 
A- A+

O escritor Xabier Quiroga acaba de presentar El Cabo del Mundo, unha traducción ao castelán dunha das súas obras máis prestixiosas na que se profundiza nalgunha das etapas do franquismo máis descoñecidas.

Cres que é unha oportunidade para que fóra de Galicia conozan máis sobre as Brigadas do Amencer, o seu paso pola Ribeira Sacra e, en definitiva, algo máis da historia de Galicia?

Seguramente serve para coñecer algo da nosa historia, pero neste caso, como dixo Celso Emilio Ferreiro, xa que en "común temos a loita ambos", creo que descubrirá algo que tamén sufriron fóra de Galiza. Se non o lembran ou non son conscientes de que pasou, iso xa é outro cantar. Pero do que si estou seguro é de que dará a coñecer a nosa creación, o que facemos por aquí, nesta periferia ás veces tan esquecida ou pouco tida en conta no ámbito literario. E iso sempre é positivo.

Como vén sendo habitual en moitas das túas obras, este libro mestura a investigación histórica coa realidade e a ficción. Que parte pesa máis á hora de empezar o proceso de creación? Como foi o proceso de investigación histórica para este libro?

Non é cuestión de peso ou de porcentaxes, trátase máis ben de intentar conxugar estes dous elementos. Se predominase a realidade histórica, estaría correndo o risco de parecer un historiador, e non son tal. Pola contra, se todo fose ficción ou esta aparecese en exceso, a meu ver a obra coxearía dunha base sólida do que sempre quixen que fose a miña narrativa: asentada no noso país e nas nosas xentes. En canto á investigación en si, direi que, entre lecturas e conversas, logo de patear abondo, vaise acotío o escaso tempo do que dispón un escritor non profesional coma min. Pero tamén debo comentar que a maioría das veces o proceso investigador é tan atractivo, tan suxestivo, que deixa quedar mal o labor creativo, labor que por veces ata se fai duro.

Con 'El Cabo del Mundo´ na súa versión en galego chegaches a gañar o Premio da Crítica en Galicia. Esperas que coa tradución ao castelán a acollida sexa igual de boa fóra das nosas fronteiras?

Nestes casos, entre o que ti agardas e o que realmente sucede pode haber una grande fenda. Ou ti non ser plenamente consciente do que acontece coa obra, non saber a quen lle chega, quen a le ou a repercusión que ten. Recoñezo que aquí, en galego, cando saíu, tivo una magnífica acollida. E os que inicialmente a leron en castelán e se decidiron a publicala, fixérono porque lles agradou e viron posibilidades. Pero o que logo aconteza coa novela ou como resulte xa non depende de min. E como acostumo a non preocuparme en exceso polo que non depende de min, deixo esas esperanzas en mans dun destino no que tampouco acredito moito.

Hai pouco lanzaches 'La casa del nazi', unha tradución de 'Izan o da saca' e nunha entrevista concedida a Efe expresaches que para ti sería un sinsentido que a versión en castelán se vendese mellor en Galicia que a edición en galego. Como ves a situación sociolingüística da lingua galega nestes momentos? Sería preocupante que con esta novela sucedese o mesmo?

Non sería preocupante, é preocupante. Digo isto porque, tristemente, en xeral lese e véndese máis en castelán ca en galego. E xa non valoro o feito de que lendo una tradución se perda unha boa parte da esencia do texto, o que no meu caso, con abondosos personaxes populares e lingua enxebre, é máis claro. Non sei co- mo analizalo, e nunha reflexión que vaia máis aló dunha mera análise sociolingüística, por veces véxoo como una traizón. Fa- lo de traizoar o noso, de xente que se sente galega, que se di galega e que nin sequera le aos seus escritores na lingua propia, ou que ao mellor nin a emprega nunca, o que supón un profundo desprezo. Hai aí unha contradición que vai desde o rexeitamento do feito cultural ao simple prexuízo que non se pode explicar. E vaia por diante que non creo que se tra- te de complexo ou de hipocrisía.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt