El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Adeus aos 140 caracteres

Twitter amplía o límite dos seus chíos de 140 a 280 caracteres

MARCUS FERNÁNDEZ  | 08.11.2017 
A- A+

A finais de setembro Twitter anunciou que estaba a probar a ampliar o seu límite de caracteres de 140 a 280, facilitando así que os usuarios puidesen expresar as súas ideas sen ter que realizar un grande traballo de síntese, e o experimento funcionou tan ben como era de prever, e pese a que a medida podería considerarse unha traizón aos principios de Twitter, foi ben acollida, o que levou a que a directora de produto Aliza Rosen constatase hoxe que xa están a ampliar para todos os usuarios do mundo o número máximo de caracteres por chío.
A partires de agora Twitter non amosa unha conta regresiva dende 140, senón que presenta o progreso da lonxitude das mensaxes de xeito gráfico, até que nos aproximamos ao límite dos 280 caracteres, o que, segundo as probas realizadas, non vai ser precisamente habitual. Os usuarios que non tiñan o límite de 280 caracteres durante as últimas semanas mantiveron o seu hábito de chíos breves, e só empregaron máis de 140 caracteres cando o precisaron, de xeito que dá a impresión de que Twitter vai conservar a brevidade das súas comunicacións, mantendo a súa esencia.
Durante as probas realizadas só o 5% dos chíos superaron os 140 caracteres, e só o 2% pasou dos 190, de xeito que a cronoloxía de Twitter non se veu afectada de xeito notable pola existencia de chíos de maior lonxitude. Incluso advertiron que os usuarios que se aproximaban aos límite dos 280 caracteres só facían tal os primeiros días, dando a impresión de que só estaban a aproveitar a novidade, e non atendía a un comportamento que fose a normalizarse.
Aseguran que o contar con máis espazo para chíar ten un maior impacto no número de gústames, rechouchíos e mencións, así como no número de seareiros, conseguindo que os usuarios tamén estean máis tempo en Twitter, ou sexa, que a compañía conseguiría os seus obxectivos cunha medida realmente sinxela, aínda que os usuarios máis veteranos non deixan de comentar que a limitación de caracteres nunca foi o grande problema de Twitter, mentres que a imposibilidade de editar os chíos si é unha esixencia histórica que continúan a negarse a solucionar.