El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Amazon abre unha fiestra aos fogares co Echo Show

O novo dispositivo da familia Echo incorpora pantalla táctil, cámara e altofalantes para achegar con maior intensidade a intelixencia artificial de Amazon aos fogares.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 10.05.2017 
A- A+

Que o altofalante Amazon Echo fose a ser un éxito tan rotundo nos EE.UU. era algo difícil de predicir, especialmente porque non só colocou un impresionante volume de unidades no mercado, senón porque deu pé a toda unha gama de produtos, como o Echo Dot e o Echo Look, aos que agora súmase o Echo Show, unha transformación do produto que esteticamente está próximo a un marco dixital, e que consegue explorar novos usos grazas á integración dunha pantalla táctil de 7 polgadas e unha cámara de 5 Mpíxeles.
Este novo produto mide 187 x 187 x 90 milímetros, pesa 1.170 gramos e en vez de emitir son en 360 graos opta pro un par de altofalantes estéreo, aínda que unha vez máis a súa tecnoloxía non será o seu hardware, senón o software que está detrás, concretamente a intelixencia artificial Alexa, a quen pode realizárselle consultas en inglés, mandar que reproduza unha canción ou un vídeo e incluso controlar dispositivos conectados que teñamos no fogar.
Aínda que os produtos da gama Echo estaban principalmente orientados a unha interacción falada, a incorporación dunha pantalla no Echo Show fai que, por exemplo, poidamos ver a letra das cancións de Amazon Music durante a súa reprodución, que poidamos realizar videochamadas (a outros dispositivos Echo Show e a dispositivos móbiles coa aplicación de Alexa instalada), reproducir vídeos en liña e incluso poder amosar a imaxe dalgunhas das cámaras compatibles co sistema (que poderían deixarnos ver quen está a chamar á porta ou vixiar a un bebé).
Estamos ante un produto que chegará ao mercado norteamericano o 28 de xuño a un prezo de 229,99 dólares (211,44 euros) que entendemos que aínda tardará en chegar a España de xeito oficial principalmente polo feito de que Alexa aínda non fala español. Dada a posibilidade de comunicarse entre dispositivos Echo Show, Amazon descontará 100 dólares no pedido a quen se faga con dúas unidades deste novo trebello que ten a difícil misión de conseguir popularizar a videoconferencia dende un dispositivo de electrónica doméstica, algo no que fracasaron bastantes fabricantes nos últimos anos.