El Correo Gallego

Tecnoloxía

O BlackBerry KEY2 preséntase oficialmente

O novo terminal inclúe un teclado redeseñado e cámara dual

MARCUS FERNÁNDEZ  | 09.06.2018 
A- A+

BlackBerry KEYone, teléfono insignia de TCL Communication baixo a marca BlackBerry e que tivo unha resposta comercial bastante decepcionante, por fin ten sucesor, oBlackBerry KEY2, teléfono con teclado físico baseado en Android 8.1 que integra numerosas prestacións de seguridade, que deixa ver a súa actualización especialmente na incorporación dunha cámara traseira dual e dunha tecla rápida (que facilita atallos a aplicacións, contactos e funcións). O teléfono comezará a distribuírse internacionalmente este mesmo mes a un prezo de 649 euros, aínda que o momento no que chegará a España non se detallou (o KEYone tardou moitos meses en comercializarse en España).
A actualización do teclado do KEY2 é un elemento moi importante, xa que incrementou a súa altura un 20%, facéndoo máis confortable e preciso, á vez que tamén pasou dun acabado brillante a un mate. O lector de pegadas dixitais no teclado tamén mudou as súa mecánicas, aínda que o feito de incluír unha tecla especial tras a que podemos premer outra das teclas para disparar un dos 52 atallos programables é un cambio que tamén agradecerán moitos usuarios.
O BlackBerry KEY2 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 660, 6 GB de RAM, 64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB intercambiables en quente), pantalla IPS de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.620 x 1.080 píxeles, cámara traseira dual con sensores de 12 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, radio FM, batería de 3.500 mAh (que promete máis de 25 horas de autonomía cun uso variado) con carga rápida por USB-C, o seu grosor é de 8,5 milímetros e o seu peso de 168 gramos.
Semella que estamos ante unha boa actualización de hardware que como principal eiva ten un prezo propio da gama alta cando realmente estamos ante un móbil de gama media.