El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Chuwi Hi13, o clón económico do Surface Book

O fabricante chinés Chuwi vende equipo que imita ao ordenador portátil de Microsoft pero custa menos da cuarta parte.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 26.04.2017 
A- A+

Aínda que Microsoft conseguiu revolucionar o sector dos ordenadores portátiles co seu Surface Book, a súa limitada distribución (pese a anunciarse no outono de 2015 aínda non chegou comercialmente a España) e o seu elevado prezo (o modelo máis económico custa 1.499 dólares en EE.UU.) provocou que este equipo non deixase a pegada que sería desexable, e deixou espazo para produtos como a tableta Chuwi Hi13, que equipada coa súa base-teclado oficial e cun stylus convértese nunha alternativa ao portátil de Microsoft cun prezo que sería aproximadamente a cuarta parte.
Coa Chuwi Hi13 temos unha tableta cunha pantalla de 13,5 polgadas cunha resolución de 3.000 x 2.000 píxeles que claramente busca clonar o tamaño e as prestacións do Surface Book, procesador Intel Apollo Lake (N3450-4C4T) de 64 bits e 4 núcleos, gráfica capaz de correr vídeo en 4K, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, micro HDMI, cámara de 5 e 2 Mpíxeles, porto USB-C, deseño sen ventiladores e batería de 10.000 mAh con carga ultra rápida.
A tableta ten un deseño unibody de metal, e podo colocarse sobre unha base-teclado (que integra un porto USB-A) en ambos sentidos (coa pantalla mirando cara as teclas ou ao revés) o que permite unha grande versatilidade de uso, especialmente se sumamos un lapis dixitalizador (HiPen H3) con 1.024 niveis de presión, que transforma este equipo en todo un clon do Surface Book, aínda que con menor potencia e unha autonomía lixeiramente inferior.
Este equipo que funciona con Windows 10 pode adquirirse a prezos moi económicos dende numerosas tendas chinesas como GearBest, onde está actualmente de oferta a un prezo de 292,10 euros, que de sumarlle o teclado e o lapis chegaría até os 361,05 euros, cantidade que dista moito dos 1.649 euros que custa o Surface Book máis económico que teñen á venda en Alemaña.