El Correo Gallego

Tecnoloxía

O HTC U11 EYEs céntrase nos selfies

O novo smartphone integra unha dobre cámara frontal para poder mellorar os autorretratos cun modo fotográfico con desenfoque de fondo

MARCUS FERNÁNDEZ  | 15.01.2018 
A- A+

O ano pasado o HTC U11 chamaba a atención ao incorporar entre as súas prestacións un novo xeito de interactuar co dispositivo, xa que permitía a realización de acción apertando o terminal, e agora o produto estrea unha variante chamada HTC U11 EYEs que como grande novidade inclúe dobre cámara na súa parte frontal (de 5 Mpíxeles), permitindo así disparar selfies espectaculares grazas ao efecto de profundidade de campo axustable (para poder desenfocar o fondo), modos de beleza e incluso a posibilidade de aplicar adhesivos para conseguir divertidos resultados.
Pero este novo smartphone no queda aí, senón que tamén aperta novas tendencias de mercado como estirar a súa pantalla até as 6 polgadas adoptando unha relación de aspecto 18:9 e incluíndo tamén desbloqueo facial de pantalla. No que se refire á cámara traseira, mantén a cámara de 12 Mpíxeles con tecnoloxía UltraPixel 3 do modelo anterior, considerada como unha das mellores do mercado. Para o vídeo tamén integra tecnoloxía de estabilización de imaxe e redución de ruído, que xunto cun enfoque automático ultra-rápido consegue capturar momentos cunha calidade de vídeo excelente.
No aspecto sonoro, o HTC U11 EYEs mantén a calidade do HTC U11, con HTC USonic (tecnoloxía que rexistra a forma interior do ouvido para crear unha experiencia sonora personalizada) e cancelación de ruído activa (que busca compensar o son ambiental) e incluso conta cuns altofalantes de grande calidade.
Este teléfono apertable tamén conta con protección IP67 contra o po e a auga, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 652, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC; e a súa batería de 3.920 mAh (con Quick Charge 3.0) garántelle unha excelente autonomía.
Sae á venda hoxe en China a 3.299 iuans (418 euros), descoñecéndose polo momento o seu prezo en Europa.