El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Invoke, o altofalante con Cortana

Harman/Kardon prepara un altofalante conectado para o fogar que fai uso do asistente persoal de Microsoft.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 08.05.2017 
A- A+

Alexa, a intelixencia artificial de Amazon, conseguiu meterse en milleiros de fogares norteamericanos a través do altofalante Amazon Echo, todo un éxito de vendas, de aí que Google quixese seguir os seus pasos con Google Home, e agora sabemos que tamén o asistente virtual de Microsoft vai unirse á festa, pero non de xeito directo, senón a través do fabricante de altofalantes Harman/Kardon, que vén de anunciar que no outono iniciará a comercialización de Invoke, un altofalante conectado que integrará Cortana.
Estamos ante un altofalante case cilíndrico fabricado con materiais premium, que emite son en 360 graos, que non só serve para escoitar música con boa calidade e controlar a reprodución coa voz, senón que tamén pode empregarse para facer e recibir chamadas a través de Skype, controlar a domótica do fogar e permitir interactuar con Cortana como pode facerse con ordenadores e teléfonos (ou sexa, para realizarlle preguntas ou pedirlle que programe alarmas, anote recordatorios, comprobe o estado do tráfico e, en definitiva, nos faga a vida máis doada).