El Correo Gallego

Tecnoloxía

O iPhone X poderá reservarse a partires do venres

O 3 de novembro chegará o iPhone X ás tendas, e Apple garantirá existencias nas mesmas para forzar a formación de colas.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 25.10.2017 
A- A+

A presentación dos novos móbiles de Apple provocou unha grande expectación por realizarse a súa comercialización en dúas fases, de xeito que mentres os iPhone 8 e 8 Plus están xa no mercado, o agardado iPhone X está a facerse de rogar, e non será até o vindeiro venres ás 9:01 horas cando se iniciará o seu proceso de reserva na páxina web da compañía e na súa aplicación móbil, o que fará que sexan moitos os ansiosos que estean pendentes para conseguir as primeiras posicións na compra dun dispositivo que non os bota atrás pese a ter un prezo moi elevado (1.159 euros o modelo con 64 GB de capacidade e 1.329 euros o modelo con 256 GB de capacidade).
A chegada ás tendas non será até o 3 de novembro ás 8:00 horas, e pese a que nos últimos anos as colas para facerse cun dos novos terminais desapareceron ante a posibilidade de realizar o pedido a través da Internet, parece que Apple quere recuperar a tradición, e anunciou que en tal data o iPhone X estará dispoñible en moitos países para clientes sen cita, ou sexa, que os máis madrugadores poderán mercar un iPhone X con independencia de telo reservado ou non.
Os analistas prevén que facerse cun iPhone X non vai ser un problema só polo seu prezo, senón tamén porque o número de unidades dispoñible vai ser moito menor do esperado, dadas as dificultades de fabricación dun smartphone tan diferente aos anteriores, e cuns compoñentes que actúan como grandes limitadores (como serían os sensores de FaceID, dos que o provedor non é capaz de atender á demanda). Tamén hai informacións que apuntan a que houbo problemas cos paneis OLED no comezo da produción en masa do novo teléfono, ou sexa, que terían sido varias as incidencias que levarían a que Apple só poida colocar no mercado 20 millóns de dispositivos no que resta de ano, cantidade claramente insuficiente (en 2015 os iPhone 6S e 6S Plus venderan 13 millóns de unidades só na súa primeira fin de semana en 12 países, mentres que agora o lanzamento será en 55 países), de aí que os entusiastas probablemente busquen facerse cun dos novos smartphones nas primeira horas ante o temor de ter que agardar meses para conseguir o móbil máis tarde.