El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Marvel vs. Capcom: Infinite sairá á venda en setembro

Capcom confirmou que o seu novo xogo de loita verá a luz o 19 de setembro.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 26.04.2017 
A- A+

Ao remate do pasado ano Capcom sorprendeu anunciando o xogo Marvel vs. Capcom: Infinite, a primeira entrega da franquía de loita que mestura os universos de ficción da Marvel e de Capcom que deixaba as 2D (mantendo as súas mecánicas de xogo) pasando a empregar o motor de gráficos tridimensionais Unreal Engine 4, e finalmente xa temos a data de lanzamento deste título, que será o 19 de setembro.
O xogo contará con modo historia, arcade, adestramento e misión, con opcións para varios xogadores e presentando unha historia bastante surrealista na que a colisión entre os universos de Capcom e Marvel non só enfronta aos personaxes de ambos mundos, senón que tamén provoca a fusión dos malvados androides máis perigosos de ambos universos dando lugar a Ultrón Sigma, o grande inimigo a bater.

Para dar conta deste argumento Capcom vén de estrear un tráiler do xogo, á vez que aproveitan a ocasión para confirmar no cadro de loitadores a 8 personaxes máis: Ultrón, Hulk, Thor, Ojo de Halcón,Mapache Cohete, Chun-Li, Strider Hiryu e Chris Redfield.
Hoxe ábrense tamén a reservas do xogo en varias edicións: unha edición estándar, outra de luxo (con acceso aos primeiros 6 xogos que se incorporarán a Marvel vs. Capcom: Infinite tras o seu lanzamento) e unha edición para coleccionistas (que incluirá catro dioramas e unhas Xemas do Infinito iluminadas con LED).