El Correo Gallego

Tecnoloxía

A Nintendo Switch innova con accesorios de cartón

Nintendo Labo é unha serie de kits con pranchas de cartón que permiten revolucionar o xeito de xogar coa Nintendo Switch.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 19.01.2018 
A- A+

O vindeiro 27 de abril é a data sinalada para o lanzamento da última invención de Nintendo que promete converterse en todo un fenómeno, xa que creará un novo xeito de xogar aproveitando a consola Nintendo Switch. A nova liña de produtos responde ao nome de Nintendo Labo e permite ensamblar pranchas de cartón dándolles formas coñecidas como Toy-Con que, ao combinarse coa Switch poden cobrar vida e converterse nunha moto, nunha cana de pesca, nun piano... de xeito que será divertido tanto a montaxe seguindo unhas instrucións interactivas que poden verse na pantalla da Nintendo Switch como facendo uso do resultado final.
Dado que os elementos que se engaden á consola son de cartón, o usuario tamén pode personalizalos con adhesivos ou coloreándoos, converténdose nuns accesorios altamente personalizables. Inicialmente os cartóns estarán dispoñibles en dous lotes: o Toy-Con 01 Kit Variado, co que poderemos crear un Antenauta, unha cana de pesca, unha casa, unha moto e un piano, e o Toy-Con 02 Kit de Robot, co que poderemos construír unha mochila, un casco e uns mandos para manexar a un robot antropomórfico na Nintendo Switch.

O prezo dos Toy-Con será de 69,99 euros para o Kit Variado e de 79,99 euros para o Kit de Robot, o que pode parecer bastante elevado para uns anacos de cartón, pero que probablemente non será un atranco para que a súa demanda sexa elevadísima os primeiros meses, se atendemos ao acontecido no pasado con outros produtos de Nintendo (como as figuras amiibo). 

A Nintendo Switch pode converterse nunha moto cunhas simples pranchas de cartón