El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

O novo Kindle Oasis terá pantalla de 7" e resistencia á auga

Amazon por fin ofrece un lector de libros electrónicos que podemos empregar na bañeira, na praia ou na piscina sen medo a que se estrague por culpa dunha molladura accidental.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 12.10.2017 
A- A+

O ano pasado Amazon sorprendeu o seu lector de libros electrónicos Kindle Oasis, pola súa proposta ousada especialmente no que a prezo se refire, xa que o trebello cunha funda de coiro partía dos 289,99 euros, o que parecía disparado se temos en conta que os Kindle máis económicos custaban 79,99 euros, pero os lectores máis frecuentes de seguro que agradecían a súa mellor ergonomía e autonomía, así como o seu elegante acabado, o que mantivo o produto no catálogo e incluso agora volven sorprendernos sendo o primeiro lector de libros electrónicos que por fin se desmarca dos anteriores ao incorporar dúas prestacións moi demandadas: resistencia á auga (IPX8, ou sexa, que podería somerxerse até 60 minutos a 2 metros de profundidade) e unha pantalla de maior tamaño (7 polgadas).
O novo Kindle Oasis, por fortuna, non farase esperar en España, de xeito que estará dispoñible a partires do 31 de outubro a un prezo de 249,99 euros na súa versión con 8 GB de capacidade, existindo tamén modelo con 32 GB (a 279,99 euros) e unha versión deste último con conectividade móbil de balde (por 339,99 euros).
Non estamos ante un produto que vaia ser un supervendas, pero o incremento de pantalla é algo que agradecerán moitos lectores, xa que permite introducir un 30% máis de palabras en cada páxina co tipo de letra predeterminado (reducindo os pasos de páxina), ofrece moitas opcións de lectura, pode empregarse comodamente cunha soa man, conta con opcións con maior capacidade de almacenamento, é cómodo de ler baixo a luz do sol e en interiores e, por primeira vez nun Kindle, resiste a auga, o que agradecerán especialmente os lectores que queiran levalo á praia, á piscina ou simplemente ao cuarto de baño, sen ter medo de estragalo cunha molladura accidental.