El Correo Gallego

Tecnoloxía

Office 2019 só funcionará en Windows 10

Para gozar dun paquete ofimático moderno será preciso contar cun sistema operativo actualizado.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 02.02.2018 
A- A+

Tras a consolidación comercial de Office 365 parecía que tras Office 2016 non habería máis versión perpetuas da suite ofimática de Microsoft, pero o pasado outono confirmaron que estaba previsto o lanzamento de Office 2019 para a segunda metade de 2018, de xeito que os usuarios interesados en mercar unha licenza de Office sen ter que subscribirse a un servizo continuarán a ter opcións actualizadas, aínda que cunha importante limitación: só funcionará baixo Windows 10.
Enténdese así que se queremos utilizar aplicacións ofimáticas modernas o sistema operativo tamén ten que ser acorde, facilitando así o seu mantemento e a integración de características avanzadas.
Aínda que Office 2019 non verá a luz até a segunda metade do ano, durante o vindeiro trimestre xa distribuirán versións de proba das aplicacións cliente (Word, Excel, PowerPoint, Outlook e Skype) e de servidor (Exchange, SharePoint e Skype) para que as compañías poidan comprobar nos seus sistemas o funcionamento do vindeiro Office.
Office 2019 contará con soporte ordinario durante 5 anos coa posibilidade de estendelo só un par de anos máis, cando até o momento o período de soporte estendido era de 5 anos (de xeito que Office 2016 manterá o soporte estendido até o 14 de outubro de 2025).