El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Raiders of the Broken Planet chega a Xbox One, PS4 e PC

Xa está dispoñible o prólogo e a primeira campaña do último título do estudio español MercurySteam que busca ser algo máis que outro shooter.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 23.09.2017 
A- A+

O estudio de videoxogos español MercurySteam, que recentemente estreou o xogo Metroid: Samus Returns, non perde folgos e hoxe mesmo estrea Raiders of the Broken Planet, un shooter en terceira persoa do que xa podemos descargar de balde o seu prólogo para PCXbox One e PlayStation 4, para coñecer as súas mecánicas e así decidir se mercar as súas 4 campañas seguintes, das que xa está dispoñible a primeira, Alien Myths, a un prezo de 9,99 euros.

Este xogo de 4 contra 1 permite seleccionar entre Harec, Konstantin, Alicia e Lycus como Raiders que deberán loitar contra os humanos invasores, aínda que o xogador tamén pode optar por mudar de bando e loitar como Antagonista, pasando a estar baixo as ordes de Uras-Beherit, un demo do mundo antigo.

En Raiders of the Broken Planet haberá que facer uso de Aleph, substancia só presente no Planeta Roto, que os combatentes empregan para incrementar a súa resistencia e velocidade, e aos que haberá que arrebatar antes de matalos, facéndonos así tamén coa súa munición, de xeito que non estamos ante un título que poida xogarse só a distancia. As coberturas tamén xogan un rol esencial nas súas mecánicas, de xeito que poden empregarse tamén como sistema de ocultación aínda que empregando o Aleph será posible detectar a inimigos a través de obstáculos (de xeito que non sempre estaremos tan ocultos como pensamos).
Os xogadores que confíen nesta produción de MercurySteam poden optar por facerse co xogo completo por 39,99 euros, o que facilitará o acceso non só ás súas campañas segundo vaian saíndo nos vindeiros meses, senón tamén a contidos adicionais (como o feito de poder gozar con antelación de 3 novos personaxes: Mikah, Dr. Kuzmann e Ginebra).