El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Saen á venda os Samsung Galaxy S8 e S8+

Os novos smartphones de Samsung pretenden situarse como o novo referente do sector e incluso ousan a introducirse nos escritorios informáticos cun accesorio opcional.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 24.04.2017 
A- A+

Esta mañá (luns día 24 de abril) Samsung presentou na Coruña os seus novos smartphones Galaxy S8 e Galaxy S8+, dispositivos que chegarán oficialmente ao mercado o vindeiro venres, 28 de abril, destacando entre o resto de teléfonos do mercado principalmente pola súa pantalla infinita, o que describe ao seu deseño sen marcos laterais cunhas inmensas pantallas de 5,8 e 6,2 polgadas respectivamente que optan pola verticalidade como un xeito de manter a ergonomía, ou sexa, para que o seu agarre continúe a ser confortable e poida empregarse comodamente cunha soa man.
A parte frontal destes teléfonos é realmente impresionante, ao ocupar a pantalla case todo o espazo dispoñible, de xeito que incluso o botón de inicio desaparece da vista para integrarse detrás da pantalla (mantendo a súa posición tradicional). E aínda que esteamos ante smartphones cun deseño baseado no vidro, tanto a súa parte frontal como a traseira contan con Corning Gorilla Glass 5, o que garante unha grande resistente, para que continúen a lucir perfectamente o seu elegante deseño tras moito uso.
Encargouse de presentar este novos dispositivos na Coruña o directivo de Samsung con raizame galega Luís de la Peña, quen tivo a ben comentar que nos últimos meses, mentres caeron un 22% as vendas de móbiles na Coruña, incrementáronse un 11% as vendas de smartphones da liña premium, ao que tamén engadiu que para Samsung Galicia é a 7ª comunidade autónoma española en vendas, aínda que a súa posición elévase até o 4º posto se medimos o seu crecemento no mercado de dispositivos premium.

Os Samsung Galaxy S8 e S8+ son o cumial da familia Galaxy, que incorporan as tecnoloxías que foron desenvolvéndose nos últimos anos, entres as que non faltan as que tiñan que terse estreado no Galaxy Note7, de xeito que agora temos uns trebellos cun deseño moi elegante, unhas pantallas cunha curvatura discreta, múltiples tecnoloxías de identificación do usuario (pegada dixital, recoñecemento de iris e recoñecemento facial), a posibilidade de ampliar o seu almacenamento interno (con tarxetas microSD de até 256 GB), resistencia á auga e ao po, carga rápida e sen fíos, pantallas cunha elevada resolución (que combinadas coas súas relacións de brillo e contraste, e a tecnoloxía HDR aporta experiencias visuais abraiantes), sistema de pagamento mediante o móbil (que en Galicia ten implantado Abanca), unha nova interface baseada en intelixencia artificial (Bixby) que nos vindeiros meses incorporará recoñecemento de voz en español (e que busca ser de utilidade en tarefas cotiás aprendendo dos intereses e situacións do usuario), melloras no visor de realidade virtual (Gear VR ten agora tamén un mando sen fíos), novos auriculares incluídos (da marka AKG, cun sistema de fabricación que evita que se enreden) e, como grande novidade, o accesorio Samsung DeX (á venda por separado por 149 euros), que permite converter o teléfono nun ordenador de escritorio grazas a unha base que o dota de HDMI, USB e incluso Ethernet.
Os novos teléfonos de Samsung estarán dispoñibles en tres cores (Midnight Black, Orchid Gray e Arctic Silver), sendo o prezo de venda oficial do Galaxy S8 809 euros, mentres que o modelo de maior tamaño, o Galaxy S8+, custará 909 euros.