El Correo Gallego

Tecnoloxía

Sony recupera o seu cadelo robot

O icónico Aibo volve renovado como un robot baseado en intelixencia artificial.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 03.11.2017 
A- A+

Os robots de lecer Aibo de Sony están de volta, nunha evolución na que a aparencia conta con máis detalles que xeracións anteriores para resultar máis expresivos, de xeito que estas mascotas electrónicas teñen un comportamento cada vez máis semellante ao dun cadelo real, amosando curiosidade, buscando cariño e, en definitiva, facendo compaña aos seus donos.
O novo Aibo presenta unha aparencia máis tenra, con trazos propios dun cachorro, ollos OLED para poder adoptar diferentes expresións e un complexo sistema de articulacións e sensores que permítenlle moverse dun xeito bastante natural.
Este cadelo robótico detecta ordes faladas, sorrisos ou mesmo cando lle rañan as costas, aprendendo tamén das accións que fan feliz ao seu dono, e aprendendo tamén do contorno para actuar en consecuencia (mediante cámaras de ollo de pexe é capaz de mapear o contorno).
O Aibo non só interactúa coa xente, senón que vai madurando paulatinamente grazas á tecnoloxía de intelixencia artificial de Sony, que remata dotando ao robot dunha personalidade de seu. Esta información recollida polo Aibo pode almacenarse na nube, de xeito que haberá un grande almacén de datos sobre as interaccións das persoas cos cadelos robot que converterase en coñecemento acumulado que reverterá nos robots para facelos cada vez máis intelixentes.
O robot terá unha aplicación móbil que permitirá a súa configuración, así como acceder ás fotografías que pode disparar o can, e incluso permite xogar co Aibo dende a propia aplicación, así como mercar trucos para o cadelo. Algúns dos servizos asociados ao Aibo serán de pagamento, sendo posible tamén contratar un servizo de soporte para gozar de mantemento e reparacións a un prezo reducido.
O novo Aibo mide 305 x 293 x 180 milímetros, pesa uns 2,2 quilos e pode mercarse no Xapón por 198.000 iens (1.491 euros).