El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

En xaneiro chegará Street Fighter V: Arcade Edition a PS4 e PC

O novo título de loita de Capcom conservará aos xogadores da versión actual, pero facilitará que os novos xogadores poidan acceder de inicio a un amplo catálogo de contidos, á vez que recibirá novos modos de xogo.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 06.10.2017 
A- A+

O 16 de xaneiro de 2018 será unha data que os afeccionados dos xogos de loita para PlayStation 4 e PC marquen claramente no seu calendario, pois é para cando Capcom ten previsto o lanzamento da actualización do seu xogo estrela do xénero, Street Fighter V: Arcade Edition, revisión dun dos principais referentes a nivel de competición que incluirá todos os contidos da entrega orixinal e incorporará novos contidos como os modos Arcade e Extra, novos movementos V-Trigger, unha galería e unha interface de usuario totalmente redeseñada, os personaxes das súas primeiras tempadas de Street Fighter V e moito máis.

O Modo Arcade permitirá que os xogadores poidan recordar a historia da serie Street Fighter, que está a celebrar o seu 30º aniversario, permitindo elixir os 6 camiño diferentes e competir en partidas contra rivais controlados pola CPU para desvelar finais únicos baseados no rendemento do xogador.
O Modo Extra Battle incluirá unha serie de desafíos exclusivos temporais onde os xogadores deberán empregar o seu Fight Money para ter a oportunidade de recibir equipamentos premium exclusivos cada mes. Completando os 4 desafíos exclusivos de cada mes recibirase un traxe exclusivo de gama alta especial para ese modo. Con desafíos adicionais engadiranse máis contidos.

Os usuarios que xa teñan o xogo Street Fighter V recibirán tamén os novos elementos a través dunha actualización do xogo que coincidirá coa estrea da Arcade Edition, que para ordenadores persoais só estará dispoñible en formato descargable, mentres que a versión para PS4 tamén poderá adquirirse en formato físico.
Os actuais usuarios de Street Fighter V e os futuros compradores de Street Fighter V: Arcade Edition, estarán no mesmo grupo, coa posibilidade de xogo cruzado entre PS4 e PC, cumpríndose así a promesa de Capcom de que será posible gozar sempre dunha versión ao día da saga sen ter que mercar actualizacións como acontecera no pasado. Os contidos que van chegando ao longo do ano poden desbloquearse mediante Fight Money, aínda que os ansiosos tamén poden optar por empregar cartos reais para desbloquealos.
Estamos a piques de ver como rematará a segunda tempada de Street Fighter V, que concluirá coa chegada dun personaxe que se anunciará en breve, e agora xa sabemos que a tempada seguinte supón unha renovación da marca, que agora leva como apelidos Arcade Edition, no que semella a promesa de moitas novidades que iremos vendo ao longo dos vindeiros meses.