El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Conecta Fiction, foro emerxente das series

Promovido pola Xunta este festival aberto ao público vai ser en Santiago o 18 de xuño

ACORDO Jesús Oitavén, Inés París, Géraldine Gonard e Javier Sierra.  - FOTO: X
ACORDO Jesús Oitavén, Inés París, Géraldine Gonard e Javier Sierra. - FOTO: X

PEPE BAO  | 14.02.2018 
A- A+

A segunda edición de Conecta Fiction, que terá lugar en Santiago de Compostela do 18 ao 21 de xuño, incluirá un festival de series aberto ao público xeral, co que se completará a dimensión profesional dun evento que abrangue xa todos os xéneros e etapas da ficción televisiva: xestación, programación, emisión, financiamento e contacto entre socios coprodutores.

Promovido pola Xunta de Galicia xunto con ICEX España Exportación e Inversiones e Fundación SGAE, Conecta Fiction é o único encontro internacional dedicado exclusivamente á coprodución de ficción para televisión entre América Latina, Estados Unidos de fala hispana e Europa. Despois do éxito do pasado ano, a Cidade da Cultura e distintos escenarios da capital de Galicia acollerán unha nova entrega do evento, cuxas principais novidades foron presentadas hoxe en Madrid polos seus artífices diante da prensa especializada e da industria audiovisual.

Así, o acto de presentación, celebrado no Flagship Telefónica Auditorio de Madrid, contou onte coa presenza de Jesús Oitavén, secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como de Javier Sierra, director xeral de Internacionalización da Empresa de ICEX, Inés París, presidenta da Fundación SGAE, e Ismael Calleja, do equipo de Produción Orixinal de Movistar+, ademais de Géraldine Gonard, CEO da produtora Inside Content e directora de Conecta Fiction. Deste xeito, o evento vai medrar nesta nova edición.