El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

A Feira do Viño de Valdeorras, epicentro festivo en Ourense

A celebración terá lugar mañá e pasado en Viloira // Participarán 20 adegas da comarca

Ambiente do evento do curso pasado - FOTO: D.O. Valdeorras
Ambiente do evento do curso pasado - FOTO: D.O. Valdeorras

FRANCISCO CERNADAS OURENSE   | 12.07.2018 
A- A+

A XXI Feira do Viño de Valdeorras, que se desenvolverá na praza barquense de Viloira mañá e pasado, contará coa participación, nesta edición, de 20 adegas da comarca. O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, agradece moi especialmente a implicación das adegas que fan posible a celebración da Feira. "A súa participación é fundamental para que este foro sexa un éxito e se consolide, ano tras ano, como un verdadeiro escaparate promocional dos nosos viños", considera o presidente do Consello Regulador, quen pon en valor tamén que durante os dous días que dure a Feira "Valdeorras converterase no epicentro festivo da provincia de Ourense".

O acto inaugural terá lugar mañá pola mañá e o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12.30 a 14.30 horas e de 19.30 a 23.00 horas. A feira contará cun programa completo de eventos paralelos. Ao igual que en anos anteriores, con anterioridade á Feira celebrarase na sede do Consello Regulador unha cata profesional e domingo entregaranse os premios ás bodegas gañadoras neste certame oficial.

Xunto a isto, durante as xornadas de hoxe e mañá, celebrarase a terceira edición da Ruta dos Pinchos de Valdeorras, que o Consello Regulador porá en marcha en colaboración co Concello do Barco, con AEVA e co centro comercial aberto do Barco. Participan nesta iniciativa un total de 15 establecementos da zona.

Paralelamente, ao longo das dúas xornadas haberá actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos. Tamén se porá en marcha de novo o tren Valdeorras Expreso para facilitar os desprazamentos de ida e volta ata o recinto feiral. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello ata chegar á Praza de Viloira.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt