El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Galicia, un destino de calidade coas súas 124 bandeiras azuis

É, lembrou Feijóo, a segunda comunidade mellor valorada polo xurado internacional da Fundación para a Educación Ambiental

Fotografía de familia do presidente da Xunta cos participantes na entrega das bandeiras azuis, onte na Coruña.  - FOTO: ECG
Fotografía de familia do presidente da Xunta cos participantes na entrega das bandeiras azuis, onte na Coruña. - FOTO: ECG

MARIO ÁLVAREZ   | 14.06.2018 
A- A+

As 124 bandeiras azuis coas que conta nesta edición Galicia fan de Galicia un destino turístico de costa de calidade e sustentable.

Así o asegurou onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no acto de entrega das bandeiras azuis 2018, no que subliñou que os 109 distintivos dos areais galegos, repartidos por 34 concellos, garanten aos visitantes que nesa praia as augas son dunha calidade excelente, que o turismo non está enfrontado co respecto á contorna e ao medio mariño, a accesibilidade e a inexistencia de barreiras arquitectónicas e as máximas garantías de seguridade, con profesionais de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios.

Ademais das praias, Feijóo salientou que 15 portos deportivos obtiveron tamén este galardón, "converténdonos na segunda comunidade mellor valorada polo xurado internacional da Fundación para a Educación Ambiental", explicou, e engadiu que Galicia seguirá, ademais, sendo líder en sendeiros azuis, que distinguen os 23 camiños cara a praias ou portos máis respectuosos co medio natural, como o sendeiro atlántico que percorre a costa coruñesa desde O Parrote ata O Portiño, durante máis de 12 quilómetros.

Galicia terá 17 centros azuis -unha cuarta parte dos de España-, nos que se ofrece educación ambiental e unha distinción temática ao concello de Cervo, pola súa aposta pola educación ambiental e a concienciación dos galegos do futuro, a través da campaña de sensibilización que levou a cabo na praia do Torno.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt