El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

TRIBUNA LIBRE

O camiño do Gandarón

XOSÉ ANTONIO GRELA // PROFESOR DE ENSINO SECUNDARIO  | 27.05.2018 
A- A+

O CAMIÑO DO GANDARÓN non ten nada que ver coa coñecida canción de Andrés do Barro nin con ningún camiño célebre que pasara á posteridade. Se vostede teclea no Google este camiño, nunha das entradas o mapa indicaralle: Camiño do Gandarón, 15898 Vilas, A Coruña. En realidade comunica as aldeas de Miramontes e Vilas, entre as parroquias de Grixoa e San Xoán de Fecha, ámbalas dúas pertencentes ao concello de Santiago de Compostela. Hai Gandaróns por Vigo, Pontevedra, Boimorto, Mañón (Ortegal)... Etimoloxicamente falando, pertence aos chamados orónimos (nomes referidos á orografía do terreo), e dentro deste tipo aos que remiten á conformación da terra, se esta é de mala calidade, barrenta, areosa, pedregosa... Tamén pode aludir o nome Gandarón, como é o caso, a un monte alto que se levanta no fin dunha gándara (terreo sen cultivar, con moita vexetación silvestre) e que serve de separación entre dúas parroquias.

Pois, saiba vostede que este camiño estase a converter na chave de bóveda para paralizar o acceso ao Complexo Medioambiental de Miramontes, eufemismo do comunmente coñecido como vertedoiro, porque, xa me dirán canto ten de innovador e medioambiental, soterrar o lixo. O paradoxo do asunto é que un camiño da aldea, alcatranado para a explotación de áridos da canteira, teña mais poder que as analíticas, que as preguntas no parlamento europeo, que as sancións cautelares, que os metais pesados, que os cheiros a prea, que os lixiviados delatando unha mala praxe no proceso de conversión dos lodos das depuradoras en tecnosolos, que as voces críticas e competentes como a Sociedade Galega de Historia Natural, e que unha morea máis de incumprimentos constantes e flagrantes. Non deixa de resultar curioso que este camiño de aldea se revelara tan determinante como para lograr parar a actividade deste Complexo.

Non o deben estar a facer nada mal os veciños que compoñen a Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes. Tres xeracións representadas con avós e netos loitando por unha mesma teima: botar fóra a peste que lles botaron enriba! Agricultores, autónomos, profesores, funcionarios da administración, xubilados, amas de casa, estudantes, avogados, xuíces... todos eles, veciños afectados que van gañando pequenas batallas contra os holding do lixo. Recentemente veñen de estar no Parlamento europeo, e agora atoparon unha irregularidade no acceso a este complexo, pois a vía está limitada a 5,5 tn e por riba, só lle foi concedida "ab initio" unha excepcionalidade para a empresa de explotación da mina e non para as outras relacionadas co vertedoiro e os tecnosolos, que agora están a servirse por ela, anos despois da concesión inicial.

A historia está chea de relatos reais, lendas ou mesmo sonos que nos mostran que as cousas máis pequenas, insignificantes ou insospeitadas remataron sendo demoledoras para aqueles que as banalizaron.

O cabalo que ninguneraron os troianos, a pequena pedra que desfixo a estatua de Nabuco, a porta esquecida (kerkaporta), que provocou a caída de Constantinopla, a pequena aldea onde foi derrotado Napoleón, as chaves no peto que privaron aos vixías dos binoculares e causaron o afundimento do Titanic... A historia está infestada de exemplos onde os pequenos detalles fixeron gañar ou perder batallas, derrocaron imperios, endeusaron ou humillaron a heroes, conquistadores, emperadores... No "Libro de Alexandre" a soberbia e a vaidade camiñan canda Alexandre Magno. De todas as pasaxes, escollo esta onde pretende dominar e coñecer os segredos da propia Natureza, pois no caso que nos ocupa é a Natureza a que se ve afrontada:

"La Natura que cría todas las criaturas, / las que son paladinas e las que son escuras, / tovo que Alexandre dixo palabras duras, / que querié conquerir las secretas naturas. (...) Pesó al Criador que crió la Natura, / ovo de Alexandre saña e grant rencura, / dixo: Este lunático que non cata mesura, / yo'l tornaré el gozo todo en amargura." (2325-2329)

Parabéns! para esta Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago, porque están a por en xaque ás empresas que operan neste Complexo Medioambiental. Parabéns! polas súas estratexias e actuacións, sempre baseadas na legalidade. Comezan a ser aplaudidas e recoñecidas alén de Santiago de Compostela.

Agora, en plena batalla pola sinalización deste Camiño do Gandarón, se poñen ou non repoñen o sinal, e se este pode ou non pode legalmente, advertir dunha excepcionalidade "ad hoc", lémbrome do poeta Virxilio e os honores das cousas pequenas: "si parva licet componere magnis" (Xeorg. IV, 176), de Sun Tzu na Arte da guerra: "Hai camiños que non deben ser percorridos" (cap. VIII), e moi especialmente das palabras que Caravaggio escribiu na espada de David, e que pasan desapercibidas para a maior parte de cantos contemplan a escena, se cadra, ata sin sabelo, están gravadas no propio sinal da discordia: H AS OS (Humilitas Occidit Superbiam: a humildade pode coa soberbia).