El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Dunha pobre infancia á heroicidades: os nenos da varíola

EULALIA AGRELO. UVIGO/ELOS-GALICIA  | 04.02.2018 
A- A+

As narracións para a adolescencia dos últimos tempos tenderon a aproximarse á cultura xuvenil, co propósito de conectar cun lectorado afectado pola enxurrada dos conflitos emocionais que procura nas ficcións literarias unha luzada guiadora. Esta tendencia, sen dúbida, marxinou o rescate de feitos pretéritos de carácter histórico que é necesario coñecer e que, amais de seren unha xustificación da acomodada modernidade, resgardan un dos valores máis nobres da humanidade: a solidariedade.

Nesta liña sitúase Os nenos da varíola, na que María Solar (Compostela, 1970) se retrotraeu ao ano 1803 para recrear con suma brillantez a grandiosa aventura duns nenos dos hospicios de Madrid, A Coruña e Santiago. Todos eles orfos ou abandonados que, co soño dun futuro máis próspero, puxeron a vida en risco para levar a vacina da varíola ás afastadas terras americanas. Unha hercúlea fazaña sobre a que aínda hai moitas lagoas e que nunca foi recoñecida con xustiza, malia supor o remate dunha enfermidade que a Organización Mundial da Saúde declarou erradicada no ano 1980.

Boa parte dos vinte e sete capítulos desta novela xira ao redor dos preparativos afrontados pola Real Expedición Filantrópica da Vacina, que alteran por completo os hábitos do hospicio coruñés dirixido por Isabel Zendal. Sobresae a sedutora capacidade da escritora compostelá para construír, a través dunha coidada selección léxica e un fluído transcorrer discursivo, o sórdido universo que acollía os nenos e nenas considerados a inmundicia da sociedade. Individuos deixados á súa sorte pola ocultación do pecado ou o desamparo dos proxenitores que, a pesar das miserias que foron lastrando a súa existencia, participaron nunha das empresas máis significativas da ciencia.

Outro dos logros de María Solar radica na construción duns personaxes que nos sorprenden coa sucesión de escenas envolventes. Salienta a admirable Isabel Zendal, un exemplo de muller que reviste de dignidade os esquecidos expósitos, á que se suman o valente Ezequiel, o entrañable doutor Posse Roybanes, a malfadada Candela... Todo un elenco de homes e mulleres que paga a pena descubrir e que transita polas páxinas dun feito histórico sobre o que se desprenden máis datos na dedicatoria e no epílogo. Os seus ecos retumban tras a lectura, porque Os nenos da varíola somérxenos de cheo nun contexto magnificamente evocado e convídanos á conclusión de episodios só suxeridos. magrelo@uvigo.es