El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

A historia dun neno sen nenez

Desoladora estampa de un niño africano viendo la vida pasar, dejándola escapar
Desoladora estampa de un niño africano viendo la vida pasar, dejándola escapar

SANTIAGO PARDO IGLESIAS / ALUMNO DE LA SALLE   | 20.05.2018 
A- A+

O pequeno Mbemba espertaba de novo. Día ou noite. A inexistencia de fiestras na pequena fábrica na que vivía retido impedíanlle discernir se o protagonista do ceo era a lúa ou o sol. Desde que fora dado en adopción polos seus pais baixo a esperanza de conseguir unha boa educación para o seu fillo, a súa vida, se así se lle pode chamar, limitábase a coser. Coser balóns cos que xogarían nenos ricos no outro lado do mundo, coser roupa que lucirían con orgullo rapaces do outro extremo do planeta, en definitiva, coser unha realidade que el endexamais acadaría.

Mbemba tiña 12 anos, pero xa non podería ser chamado neno. Nunca puido. O propio dos nenos é xogar, o propio dos nenos é aprender, o propio dos nenos e descubrir o mundo; pero Mbemba descubrira o inframundo. Durmindo 4 horas ao día nun chan cuxa humidade filtrábase aos pulmóns do pequeno. Comendo unha cunca de arroz e bebendo medio vaso de auga ao día, unhas ínfimas cantidades que nin de lonxe cubrían as necesidades fisiolóxicas do rapaz. Os días pasaban e con eles esfumábase a vida de Mbemba.

Ata que aquela mañá, as cadeas que privaban a súa liberdade crebaron por mor do óxido. Foi nese intre cando por primeira vez en anos albiscara un ápice de esperanza. Ergueuse rapidamente e saíu dos catro metros cadrados nos que vivira os últimos tres anos. Si. Tres anos. Comezou a correr e conseguiu saír da súa prisión.

Unha prisión que ata entón levaba por nome fogar. Unha prisión que para moitos convertérase en cemiterio, para eses moitos que non cumprían os obxectivos productivos dos tiranos que se apoderaran das súas vidas coma se de máquinas se tratasen. Ninguén o buscaba, Mbemba sería substituído pronto por outro rapaz enganado. Agora o neno senegalés deixaría de coser zapatos, roupa ou balóns para tecerse un futuro. Un futuro que, se quería que fose próspero tería que ser ao outro lado do Mediterráneo. O pequeno emprendeu a viaxe.

A súa única equipaxe era un pasado cargado de tristes historias. Mbemba tiña que atravesar o Sahara para poder chegar a Marrocos e posteriormente a España. Unha longa travesía chea de perigos: a deshidratación, as serpes e os escorpións velenosos, as altísimas temperatura do día e o xélido ar da noite... Un inferno en todos os sentidos. A sorte endexamais estivera da súa parte, pero esta vez a moeda da fortuna caera da cara correcta. Antes de emprender a viaxe o pequeno percorreu as calellas da inmensa capital, Dakar, en busca dalgunha pequena axuda, xa foran cartos ou víveres para subsistir ao longo camino polo deserto. Pouca axuda recibira ata o momento, case ninguén se apiadaba da mirada perdida do neno. Todos os viandantes pasaban polo seu lado sen apenas miralo, todos salvo un. Un home que mantivo unha conversación con el, unha conversación chea de esperanza, chea de ánimos.

As promesas do home eran moi suculentas, unha educación, unha casa, unha nova familia, xoguetes... todo o que un neno podería desexar. E alá foi con el. O home levou ao neno a comer, a que se aseara e vestira e alá partiu con el. O primeiro destino sería o porto da capital senegalesa. Subiron a un enorme barco que os levaría ao porto de Sevilla.

Era a segunda vez en toda a súa vida que Mbemba vía o mar, a primeira fora dez anos atrás cos seus pais biolóxicos Si, dez anos atrás Mbenba escoitou por primeira vez o ruxido das olas batendo contra a area cando nunha barca de madeira chegou, a través do río Senegal, navegando nunha lancha repleta de familias que, como a súa, escapaban dos enfrontamentos entre tribos no seu poboado natal.

A barca chegara á praia facía dez anos, e agora Mbemba volvía a o mar que lle dera esperanza a súa familia nun pasado non tan lonxano. A situación volvía a ser a mesma, un mar que daba esperanzas. Esperanza de deixar atrás un conflito, pero non entre tribos. Un conflito entre dous mundos, un rico e outro pobre. No pasado, a chegada a Senegal fora boa, agora a chegada simplemente non sería. Un mar, o Mediterráneo. Un destino, o seu fondo. A súa vida estivo marcada pola fuxida, a fuxida dunha realidade que, como a el, azota a milleiros de persoas día si e día tamén, a pobreza, a desigualdade, a explotación, a escravitude.