El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Os Premios Galegos do Ano

Todos los Gallegos del Año
Todos los Gallegos del Año

XOSÉ ANTONIO GRELA / PROFESOR DE ENSINO SECUNDARIO  | 06.11.2017 
A- A+

Elixir sempre supón unha escolla. Dende as cousas máis insignificantes ata as de maior responsabilidade. Nin que dicir ten, pois, que toda escolla implica unha elección que leva emparellada unha renuncia. Por riba, esa escolla feita por un individuo, grupo ou comisión, non ten por que ser coincidente coas de cada un de nós. Así, os Nobel de Literatura ou da Paz por citar algúns, non estiveron exentos de polémica nestes últimos anos. O mesmo poderiamos dicir dos “Princesa de Asturias”. Polo tanto, a iniciativa que El Correo Gallego vén facendo dende hai 28 anos non estará a bo seguro a gusto de todos. Pero iso non debería ser óbice para aplaudir a súa iniciativa e valorar na súa medida a contribución que este xornal fai ao mundo cultural, científico e humanístico de Galicia.

Viaxemos un pouco no tempo: Os Xogos Olímpicos gregos, por todos lembrados, tiñan por costume premiar nas distintas probas aos gañadores cunha coroa de oliveira, máis tarde cunha cinta de la na cabeza e unha folla de palma na man dereita. Noutras vilas gregas, agás Atenas, esas coroas podían ser de loureiro ou de apio. Os vencedores erixían estatuas coa súa efixie na mítica Olimpia e gozaban dun desfile polas rúas. Non só eran un concurso deportivo, a carón del fomentáronse outras artes, pois Píndaro e Simónides inmortalizárono coas súas odas, Mirón co seu “Discóbolo”; pero tamén se premiaron concursos musicais, dramáticos e poéticos.

Dende o século VII a.c. hai gañadores de cítara, aulós (especie de óboe dobre), trompeta... premios ao mellor rapsodo, heraldo, ou a mellor traxedia e comedia coa súa tremoia, danza, escenografía, atrezzo... nunha Atenas que fixo célebre, Pericles.

Roma tamén concedeu premios de recoñecemento, aínda que máis especificamente no ámbito castrense. Entre as coroas honoríficas outorgadas polos romanos aos logros militares (coroa mural: concedida ao soldado que escalaba primeiro as defensas inimigas; coroa triunfal: exclusiva dos imperatores, outorgada ao xeneral cando entraba triunfante en Roma; coroa naval: concedida ao lexionario que se introducía en primeiro lugar na nave inimiga...), a máis difícil de obter e a única que confería as máis distinguidas honras era a coroa obsidional ou gramínea, concedida a aquel xeneral capaz de salvar a unha lexión enteira, ou ao resolver con éxito o sitio dunha cidade ou dun emprazamento cercado polos inimigos.

Era outorgada polo propio exército ao seu xeneral e confeccionada coas herbas, flores, trigo... que se atopasen no campo de batalla. Tamén a coroa obsidional ou de asedio era outorgada pola cidade liberada ao seu liberador. Frecuentemente entendíase como liberador o propio “imperator” que dirixía a campaña. Esta coroa, a máis alta condecoración militar romana, foi concedida unicamente en nove ocasións en toda a historia de Roma.

Plinio o Vello repara no mérito desta coroa, feita sen ouro nin pedras preciosas, senón coa herba do mesmo campo de batalla, como sinal de vitoria (HN, 22, 4). Lucio Siccio Dentato (514 a. c.? - 450 a. c.?) estaba considerado como o soldado máis valente de Roma, sendo coñecido como o “Aquiles romano”. Obtivo innumerables condecoracións ao valor. Segundo Dionisio de Halicarnaso recibiría 14 coroas civís, 3 coroas murais, 8 coroas de ouro; 83 tiaras de ouro; 160 brazaletes de ouro; 18 lanzas e outras 25 condecoracións máis (quizais grilandas). Segundo Plinio o Vello tamén sería condecorado coa coroa obsidional ou gramínea. Quinto Fabio Máximo (280 a. c. - 203 a. c.), coñecido como o Cunctator (o que atrasa), ao rexeitar un enfrontamento aberto con Aníbal e practicar unha guerra de guerrillas ou desgaste, recibiría a coroa gramínea pola liberación de Roma durante a segunda guerra Púnica.

Todos estes datos poden consultarse nas “Noctes Atticae”, de Aulos Gellius: (Hanc coronam gramineam senatus populusque Romanus Q. Fabio Maximo dedit bello Poenorum secundo, quod urbem Romam obsidione hostium liberasset). Quevedo falaría do Cuntador en “Política de Deus e goberno de Cristo” (II, 20), como exemplo de astucia, pericia e paciencia militar.

Como xa non estamos nos tempos das coroas, nin das “rudis” (as gladius de madeira entregadas nos xogos como premio e sinal de licencia e liberdade), os galardoados, recoñecidos, ben con diplomas ou pergameos de ouro e prata e cunha figura conmemorativa, son aplaudidos polas súas traxectorias persoais e profesionais en diferentes campos da cultura, do deporte, da medicina, da física ou da matemática, da xudicatura, do mundo empresarial, da música... Os premiados, ás veces son un colectivo, unha organización ou unha comunidade, como a que este ano representa a “Orde da Vieira”. Parabéns! por esta iniciativa tan lonxeva no tempo. Parabéns! aos premiados e a toda Galicia por ir escribindo na historia, e parabéns! tamén para todos os galegos que seguen a traballar arreo nas súas disciplinas e traballos para ser cada día mellores profesionais, porque como ben di o refraneiro e sen necesidade de acudir a unha paternidade coñecida como a de Cervantes nunha obra menor, “O Rufián ditoso”, hai paremias que non precisan padriño: “Ao ben facer, xamais lle falta premio”.