El Correo Gallego

Tecnoloxía

Internet non pode co fútbol en directo

YouTube TV non funcionou correctamente 45 minutos durante a última semifinal do Mundial de Fútbol

MARCUS FERNÁNDEZ  | 11.07.2018 
A- A+

O servizo de pagamento de televisión de Google, YouTube TV, vén de vivir un dos seus peores momentos da súa curta historia, xa que en plena semifinal do Mundial de Fútbol, que emitían a través dos sinais de Telemundo e da Fox, experimentaron problemas no streaming, de xeito que os amantes do fútbol perderon 45 minutos do encontro entre Inglaterra e Croacia.
Este tipo de incidente pode resultar catastrófico para o servizo, porque confirma o que moitos temen: as plataformas de vídeo en streaming aínda non están preparadas para soportar retransmisións masivas en directo. Iso é especialmente negativo para YouTube TV xa que o principal incentivo para contratar o servizo é precisamente o poder recibir contidos deste tipo, porque para películas e series de televisión á carta xa hai plataformas solventes como Netflix e HBO.
Non é a primeira vez que YouTube TV ten problemas deste tipo, e durante as finais da Conferencia Este da NBA xa tiveron unha incidencia semellante, o que pode lembrarnos o que aconteceu en España con Total Channel en retransmisións de fútbol e de boxeo, e aínda que en moitos destes casos os problemas poden ser consecuencia de que hai un volume de usuarios moi superior ao habitual, no caso de YouTube TV sorprende que non puidesen escalar a tempo, xa que YouTube é a meirande plataforma de vídeo a nivel mundial, polo que podemos entender que se até Google ten problemas para este tipo de retransmisións en directo, logo é que realmente ningunha empresa a nivel mundial está preparada para a retransmisión en directo dun xeito comparable ás retransmisións televisivas tradicionais.